www.todoliteratura.es

A lingua galega no Parlamento español: declaración do Plenario da Real Academia Galega

Por José Antonio Sierra
Real Academia Galega
Real Academia Galega
Como é sabido, o Parlamento español aprobou recentemente unha reforma do seu regulamento para recoñecer oficialmente o dereito ao uso do galego, o éuscaro e o catalán nas súas sesións e no conxunto da actividade parlamentaria. Así, entre as previsións recollidas nesa reforma está o dereito dos deputados e deputadas a usaren as linguas cooficiais das comunidades autónomas en todos os ámbitos da súa actividade, incluíndo as intervencións orais e a presentación de escritos. Tamén se prevé e a publicación oficial nestas linguas de todas as medidas lexislativas aprobadas pola Cámara.

O Plenario Real Academia Galega tomou por unanimidade o acordo de manifestar a súa satisfacción ante estas medidas, por canto supoñen non só o gaño dun novo ámbito de uso para o noso idioma, especialmente importante polo seu simbolismo e a visibilidade pública que outorga, senón tamén polo que significa de asunción da pluralidade lingüística por parte das institucións do Estado. É de esperar que o paso dado polo Parlamento, que vai na liña de medidas similares aprobadas tempo atrás polo Senado, abra o camiño que outras institucións e administracións públicas de distintos ámbitos -incluíndo a xustiza- deben comezar a transitar. Queda aínda un treito por percorrer ata unha aceptación plena e completa por parte do Estado do carácter constitutivamente plurilingüe e plurinacional dos pobos que conforman a sociedade española, polo que o paso dado polo Parlamento é merecente do aplauso da RAG. A Academia exhorta a todos os deputados e deputadas galegos nas Cortes españolas a que fagan uso do seu dereito a empregar o galego na súa actividade parlamentaria.

Asemade, a Real Academia Galega manifesta a súa esperanza de que as xestións do goberno español ante as institucións da Unión Europea, encamiñadas ao recoñecemento oficial no seu seo do galego e das outras linguas nacionais de España, teñan un resultado positivo. Os avances cara á plena oficialidade do idioma galego en todos os niveis políticos e administrativos non supoñen outra cousa que progresos cara á reparación da inxusta marxinación histórica do noso idioma e a discriminación dos seus falantes. Gañar en recoñecemento e en dereitos é camiñar cara á igualdade.

¿Te ha parecido interesante esta noticia?    Si (0)    No(0)

+
0 comentarios