www.todoliteratura.es

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acolle a presentación de ‘Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa’

Por José Antonio Sierra
Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa
Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa
A escritora María Canosa presentará o martes 25 de maio (19:00 horas) na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) o libro sobre Emilia Pardo Bazán que asina xunto á ilustradora Bea Gregores, Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa (Bululú, 2021).

A escritora conversará sobre Pardo Bazán e a obra que lle dedica coa especialista en literatura infantil e xuvenil María Jesús Fernández e a conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso. Debido ás medidas de prevención da covid-19, a capacidade da sala é limitada. Recoméndase reservar praza en [email protected].

Este libro busca achegar a todos os públicos, aínda que especialmente aos nenos, a figura polifacética de Emilia Pardo Bazán a través de momentos da súa apaixonante vida. Sorprenderanos a nena curiosa e gran lectora, a muller namorada e independente e a autora de carácter, rebelde ao rol que se esperaba de toda dama nun ambiente social e familiar privilexiado. A través da lectura, o estudo e unha capacidade de traballo infinita, conseguiu ser recoñecida no seu tempo sobrepoñéndose, en non poucos momentos, ao desdén de moitos compañeiros e académicos mentres era recoñecida, nacional e internacionalmente, por público e crítica.

A ilustración, creada cunha particular utilización de técnicas tradicionais que combinan debuxo e cores acrílicos de gran forza, inspírase e apoiase, ademais de nos textos sinxelos e ben documentados de María Canosa, en fotos e noticias da época, así como en monumentos e edificios que aínda existen hoxe, buscando recrear o ambiente e lugares que frecuentou a autora cunhas imaxes moi recoñecibles e atractivas. Unha biografía ilustrada perfecta para todo aquel que busque descubrir as principais facetas dunha autora singular da que o 12 de maio de 2021 cúmprese o centenario da súa morte.

Texto
María Canosa Blanco (Cee 1978) é Enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, destaca desde moi nova na sua faceta literaria especialmente vencellada á poesía e literatura infantil en galego. Becada e premiada desde as súas primeiras obras de adolescencia, desarrolla, a pesar da súa xuventude, unha ampla traxectoria como escritora, conferenciante, presentadora de tv... Ten publicados distintos xéneros literarios en diferentes editoras, estando a maior parte dos seus títulos dentro da literatura infanto-xuvenil. En Bululú publicou O Crebanoces, Pasen e miren, Caderno de Lúas. Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, é a súa primeira biografía.

Ilustración
Bea Gregores (Vigo 1995) graduada na Universidade de Belas Artes de Pontevedra e licenciada no Máster universitario en libro ilustrado e animación audiovisual, especialízase nos campos de ilustración e deseño. Foi gañadora de diversos premios no mundo da ilustración e o cómic, ademais de haber participado e comisariado varias exposicións.

Podes mercar o libro en:

¿Te ha parecido interesante esta noticia?    Si (0)    No(0)

+
0 comentarios